Inicio / A podoloxía

A podoloxía

A podoloxía é a ciencia que ten por obxecto o estudo das afeccións e deformidades dos pés.
A/o podóloga/o é a/o profesional sanitaria/o universitaria/o que prevén, diagnostica e trata os problemas do pé, e que se ocupa dun coidado completo e integral deste, así como da súa relación co resto do corpo, posto que, así como hai doenzas sistémicas que poden provocar patoloxía no pé, tamén un mal funcionamento do pé pode producir diversos problemas no resto do organismo.
A estrutura e o funcionamento dos pés son moi complexos e esíxenlle á/ao podóloga/o profundos coñecementos en distintas materias, así como as habilidades e aptitudes necesarias para realizar e/ou elaborar calquera tipo de tratamento do pé mediante os procedementos terapéuticos propios da súa disciplina.
En 1956 créase a primeira escola de podoloxía dentro da Facultade de Medicina de Barcelona, pero é en 1962 cando se recoñece a especialidade de podoloxía para as/os practicantes e ATS.
En 1988 constitúese legalmente a Diplomatura en Podoloxía converténdose así nuns estudos universitarios independentes cunha duración de tres anos que, na actualidade e tras a entrada do plan Boloña, pasan a ser de grao, e terán unha duración de catro anos.
Para exercer esta profesión en Galicia é necesario ter o diploma universitario correspondente emitido polo Ministerio de Educación e Ciencia, así como estar colexiada/o ou habilitada/o polo COPOGA