Acceso á actividade profesional

Para ser podólogo é imprescindible obter o título de grao en podoloxía, de conformidade coa Orde CIN/728/2009, de 18 de marzo, ou o diploma universitario de podoloxía, de conformidade co RD 649/1988 e as súas normas de desenvolvemento, e aqueles que, en virtude do recoñecemento de dereitos profesionais efectuado por esta normativa, teñan o diploma de podólogo regulado polo Decreto 727/1962  ou titulación equivalente homologada pola autoridade competente. A podoloxía é unha actividade sanitaria á que lle é aplicable, entre outros, a Lei 29/2006 de 26 de xullo de garantías e uso racional dos medicamentos, produtos sanitarios, así como a norma que a modificou parcialmente, Lei 28/2009, de 30 de decembro.

Para exercer legalmente a profesión e, por conseguinte, a actividade, será requisito necesario, en primeiro lugar, contar coa titulación, en segundo lugar, que esa persoa titulado estea incorporada a un Colexio Oficial de Podólogos e en terceiro lugar que exerza a súa actividade nun centro que conte con autorización sanitaria concedida pola Consellería de Sanidade.

A autorización sanitaria é outro requisito previo e indispensable para que un centro, servizo ou establecemento sanitario poida funcionar, segundo se establece na normativa sanitaria (artigo 29 da Lei 14/1986, de 25 de abril, xeral de sanidade; artigo 8 do Decreto 12/2009, de 8 de xaneiro, sobre centros, servizos e establecementos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia e artigo 3 do Real Decreto 1277/2003, de 10 de outubro, polo que se establecen as bases xerais sobre autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios).