Novas

O Colexio de Podólogos de Galicia aconsella variar o calzado e non abusar nin de deportivas nin de botas para ir ao cole

Etiquetas:

Non recomenda herdar zapatos, xa que cada persoa ten unha pisada diferente Montse Martínez, vicepresidenta: “O prezo non é o factor principal que se debe analizar á hora de comprar calzado para os máis pequenos, se non a súa calidade” A volta á rutina das clases escolares e os preparativos para o novo curso (roupa, uniforme, zapatos etc.) é un bo momento para lles realizar unha revisión podolóxica aos máis pequenos para controlar a evolución da súa pisada e detectar incipientes patoloxías, e iniciar tratamentos correctores no caso de que sexan necesarios. Con setembro ao virar a esquina, o Colexio de Podólogos de Galicia explica como elixir un bo calzado. Recomenda optar por calzado fabricado en pel ou en materiais naturais e flexibles que axuden á transpiración e á vez permitan liberdade de movemento, sempre asegurándose de que ao dedo máis longo do neno ou a nena lle quede unha distancia de 0,5 centímetros para chegar á punteira do zapato. Os expertos sinalan tamén que deben ser zapatos lixeiros e carecer de costuras internas que poidan provocar rozamentos, cun bo acabado interior porque desta forma non causarán molestias ao camiñar. E destacan que o eixe lonxitudinal da sola do zapato, a forma, debe ser o máis recto posible. Ademais, os expertos indican que é unha mala práctica comprar o calzado máis grande para que lle valla toda a tempada, xa que o calzado ten que acomodarse ao tamaño real do pé do neno. “Se o zapato non é xusto da súa talla podería alterar a súa forma de camiñar, provocarlle inestabilidade ou crearlle bochas ou laceracións” –sinala a vicepresidenta, Montse Martínez–. Outros costumes pouco recomendables segundo os profesionais é “herdar” zapatos, pasando duns irmáns a outros ou entre familiares ou amigos, posto que a pisada de cada persoa é diferente e compartir calzado pode distorsionala. Tamén desaconsellan reutilizar o calzado da tempada pasada, sen ter en conta o desgaste do calzado ou o crecemento do pé do pequeno. Outra práctica é comprar o calzado só atendendo ao seu baixo prezo “porque, total, vai durar pouco”, ou comprar só zapatos caros, detalle que non asegura que sexa mellor. “O prezo non é o factor principal que se debe analizar á hora de comprar calzado para os máis pequenos, se non a súa calidade” –explica a vicepresidenta–. Calzado con velcro para os menores de seis anos Os podólogos galegos consideran importante utilizar calzado específico para educación física, e para o día a día ter o hábito de variar de calzado, e non abusar nin do calzado deportivo nin das botas. “Non se debe ir só con botas ao cole, porque a maior parte da musculatura do pé ten a súa orixe na perna, e a bota pode facer que estas estruturas non se desenvolvan correctamente” –apunta Montse Martínez–. Tamén é recomendable escoller un zapato con cordóns que acheguen suxeición á empeña, ademais dun contraforte semirríxido para controlar os movementos do nocello. E os especialistas apuntan que, para nenos de menos de 6 anos, é moi práctico o calzado con velcro, porque achegan suxeición e resultan máis fáciles de quitar e poñer para os pequenos. No caso de que o neno necesite tratamento con soletas, é mellor optar por calzado que incorpore soletas orixinais extraíbles. Deporte e extraescolares Coa volta ao cole tamén empezan as actividades extraescolares e a rutina das actividades deportivas. De maneira xeral recoméndase inculcarlles aos pequenos os hábitos de quentar e estirar antes de practicar deporte, e dosificar a actividade. “O pé dun neno aínda non está formado completamente polo que o exceso de intensidade deportiva nos nenos pode chegar a producir dores e sobrecargas musculares” –sinala a vicepresidenta–. É importante elixir o calzado adecuado para cada deporte e para a superficie na que se vai xogar (valorar o amortecemento, materiais, contrafortes, acordoado e debuxo da sola segundo o terreo). Se a carcasa do calzado é dura, como en patinaxe ou en esquí, é conveniente elixir a talla adecuada. No caso das botas de fútbol haberá que saber se se xoga en céspede artificial ou céspede natural, e coñecer o estado do terreo de xogo. “Se o céspede non se atopa en bo estado nin son superficies de última xeración, é máis recomendable elixir unha bota con tacos máis pequenos e máis numerosos" –apunta Montse Martínez–. Tamén lembran os podólogos que non se deben estrear as zapatillas deportivas o mesmo día dunha competición, xa que o pé ten que estar adaptado previamente ao calzado. Revisión unha vez ao ano para previr patoloxías Do mesmo xeito que no caso dos adultos, o Colexio de Podólogos de Galicia sinala que é recomendable levar os nenos ao podólogo polo menos unha vez ao ano, xa que durante a infancia estamos a tempo de tratar e previr patoloxías que poderían agravarse na idade adulta. Recoméndase que a primeira visita dos máis pequenos se faga con 4 ou 5 anos e a realización do correspondente estudo biomecánico da pisada, ou antes no caso de que se detectase algún problema previo. Unha das patoloxías típicas do pé infantil é o pé plano, cando o arco plantar interno ten menos altura do normal, e vai acompañado dun ensanche do pé e unha caída cara á parte interna. En realidade, os podólogos explican que todos os nenos nacen cos pés planos, pero segundo van crecendo váiselles formando o arco, o problema preséntase cando este non chega a desenvolverse. Existen tres tipos de pés planos: ríxido, flexible e semiflexible. O pé plano flexible é normal ata os sete anos, pero se a esa idade non se corrixiu hai que solucionar a patoloxía con soletas personalizadas e exercicios, ou ás veces, é suficiente cun programa efectivo de exercicios. O pé plano semiflexible é normal ata os catro anos. Se a esa idade non se corrixiu débese comezar tratamento para corrixir a patoloxía. O pé plano ríxido de maneira xeral soluciónase con cirurxía, pero non é frecuente atopar este tipo de casos en nenos.