Novas

Os podólogos galegos seguen pautas de actuación preventivas para garantir a seguridade de pacientes e manter protexido a todo o persoal das súas clínicas

Etiquetas:

Juan Dios, presidente do Colexio de Podólogos de Galicia: “Estamos preparados para atender os pacientes coas máximas garantías de seguridade para evitar posibles contaxios, cos EPI, cita previa e anamnese telefónica antes da consulta presencial” Estas pautas están recollidas no “Procedemento e recomendacións de actuación na reapertura da actividade asistencial nas consultas de podoloxía”, elaborado polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Podólogos de España O Colexio de Podólogos de Galicia envioulles aos seus máis de 450 colexiados e colexiadas o “Procedemento e recomendacións de actuación na reapertura da actividade asistencial nas consultas de podoloxía”, elaborado polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Podólogos de España con base nas informacións proporcionadas por distintas fontes do Goberno de España e o Ministerio de Sanidade. A situación sanitaria como consecuencia da pandemia do Covid-19 fai que as profesións sanitarias en xeral, e a podoloxía en particular, teñan que utilizar unha serie de medidas excepcionais co obxecto de evitar contaxios innecesarios. Desde a proclamación do estado de alarma o 14 de marzo, as máis de 700 clínicas de podoloxía que hai en Galicia limitaron a súa actividade clínica exclusivamente ao tratamento das urxencias, consideración que se recomenda seguir aplicando ata que o estado de alarma finalice e se poida renovar a actividade con cita previa e atendendo á prioridade asistencial. Estas recomendacións teñen como finalidade principal establecer pautas de actuación preventivas para garantir sempre a seguridade de pacientes e manter protexido a todo o persoal da consulta. “As clínicas de podoloxía están preparadas para atender os pacientes coas máximas garantías de seguridade para evitar posibles contaxios, cos equipos EPI establecidos para asegurar a protección, e con cita previa e anamnese telefónica antes da consulta presencial”   –explica o presidente do Colexio de Podólogos de Galicia, Juan Dios–. Ademais dunhas consideracións xerais da transmisión do virus, como son o período de incubación, a taxa de letalidade e risco de infección, o documento inclúe unhas indicacións para a preparación da consulta con medidas preventivas, hixiénicas e de limpeza, tanto do persoal como do espazo de traballo. Antes de comezar  a recibir pacientes, os podólogos deben asegurarse de ter  unha correcta limpeza e desinfección da consulta, en superficies e espazos de traballo, mesas, cadeiras de brazos, tallos etc., cos produtos que habitualmente utilizan, xa que todos teñen capacidade xermicida, bactericida e virucida. É igualmente importante a información actualizada sobre o control e preparación de material EPI, ademais de indicacións para a súa colocación e retirada. Recoméndase que os podólogos dispoñan, para poder prestar asistencia, dun material EPI mínimo imprescindible, composto de gorros cirúrxicos, máscaras, luvas, protección ocular e facial, roupa protectora e xel hidroalcohólico. Outra consideración para ter en conta polo podólogo na apertura da súa clínica, son as medidas de distanciamento, cunha separación mínima en espazos compartidos de dous  metros entre persoas. Unha vez que está todo o material preparado e o persoal no seu posto de traballo, a clínica está en disposición de realizar a recepción do paciente, que acudirá á consulta con cita previa. Recoméndase  non atender neste momento a un paciente sen cita, xa que non se ten coñecemento da súa situación, e pode estar infectado ou ter síntomas. No instante de darlle cita ao paciente tras recibir a súa chamada telefónica, deberáselle realizar unha anamnese puntual, para saber se tivo febre, tose, dor de garganta, comechón, proído ou sensación de falta de aire nos últimos quince días. Unha vez superado este cribado, péchase a cita e indícaselle ao paciente que debe vir só á clínica, con máscara e luvas, que sexa puntual e que procure o pago con tarxeta.