Novas

Un 85 % das persoas que padecen fibromialxia son mulleres que sofren un incremento de problemas nos pés, como xoanetes ou deformidades nos dedos

Etiquetas:

infografia fibromialgiaPresentan perda de equilibrio, dificultade para calzarse e, por tanto, peor calidade de vida O Colexio de Podólogos de Galicia recomenda visitar regularmente o podólogo para valorar o estado de saúde dos pés e realizar unha prevención e tratamento adecuados O Colexio de Podólogos de Galicia lembra, con motivo do Día Internacional da Fibromialxia que se celebra mañá martes 12 de maio, que as mulleres que padecen esta doenza presentan máis problemas nos pés do habitual. A fibromialxia é unha enfermidade reumática crónica que se caracteriza por dor musculoesquelética xeneralizada e sensación dolorosa á presión nuns puntos específicos (puntos dolorosos). Provoca dor nos músculos e no tecido fibroso (ligamentos e tendóns). Trátase dunha enfermidade frecuente, que a sofre entre un 2 e un 6 % da poboación, con máis frecuencia en mulleres, que representan o 85 % de afectados. Adoita estar asociada á síndrome de fatiga crónica, que manifestan entre o 50 e 70 % de pacientes con fibromialxia. O Colexio de Podólogos de Galicia sinala que as mulleres que sofren fibromialxia presentan xoanetes, esporón calcáneo ou deformidades nos dedos, entre outras doenzas. Con especial repercusión na función do pé, a entidade colexial explica que a fibromialxia repercute na perda de equilibrio, dificultade para calzarse como consecuencia dos cambios na forma dos pés, peor saúde podolóxica e menor tolerancia á dor. Ademais, a nivel xeral as persoas con fibromialxia presentan diminución de vitalidade, o que pode provocar unha maior propensión á tristeza, ansiedade e depresión; perda da capacidade de socialización, o que comporta perda de autonomía e benestar; ou dificultade para realizar actividade física, o que contribúe a un incremento de dependencia e diminución da súa saúde xeral. Todas estas cuestións incrementan o número de visitas en atención primaria e especializada e provocan un aumento do gasto sanitario. O podólogo pode recomendar distintas formas de tratamento segundo o caso particular da persoa afectada. Cando o problema podolóxico está nunha fase inicial, pódese indicar un tratamento podolóxico conservador, con soletas a medida que contribúen a mellorar a postura, o equilibrio e facilitar a autonomía. Así mesmo, pódense indicar órteses de silicona, elaboradas polo podólogo, que axudan a controlar a posición das deformidades dos dedos e a perda de tecido graxo. Nesta fase, tamén se lle pode aconsellar ao paciente para que faga uns exercicios de potenciación muscular, propiocepción e estiramentos, ademais de administrarlle fármacos. E, por último, existe a cirurxía podolóxica con tratamentos cirúrxicos con anestesia local para aqueles casos máis serios e complicados. A visita regulada ao podólogo para controlar e reducir a presenza dos problemas nos pés nas persoas con fibromialxia reduciría substancialmente a carga de malestar dos pacientes. Un dos primeiros estudos sobre a saúde do pé en mulleres con fibromialxia foi o realizado pola Universidade de Estremadura (UEX), en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC), e no que participou o podólogo, colexiado do Colexio de Podólogos de Galicia, profesor e investigador da UDC, o doutor Daniel López López. Neste traballo estudouse a máis de 200 mulleres con idades comprendidas entre os 26 e os 83 anos (a metade delas sas e a outra metade diagnosticadas por un reumatólogo, pero sen outras patoloxías asociadas de índole reumática, neoplásicas, neurolóxicas ou endócrinas), nas que se puido apreciar como os valores máis significativos se dan entre quen presenta fibromialxia. O 100 % das enquisadas con fibromialxia presentan un incremento de problemas nos pés.