Novas

O Colexio de Podólogos de Galicia indica que deixar de fumar pode evitar calosidades nos pés, unha lesión que provoca dor, impide camiñar con normalidade ou produce úlceras e infeccións

Etiquetas:

Con motivo do Día Mundial sen Tabaco, que se conmemora o vindeiro domingo, recomendan as quiropodias, usar soletas a medida ou calzado específico, e nos casos máis graves expor unha cirurxía podolóxica para tratar helomas nicotínicos O tabaquismo converteuse nunha das primeiras causas “evitables” de mortalidade e enfermidade nas sociedades occidentais, xa que é un dos principais factores de risco de varias enfermidades crónicas, como as cardiovasculares, pulmonares ou o cancro. O fume do tabaco contén máis de 7.000 produtos químicos (nicotina, fenol, dióxido de carbono, cianuro de hidróxeno…) dos cales se sabe que polo menos 250 son prexudiciais e como mínimo 69 son canceríxenos. Estas substancias son as responsables dos efectos tóxicos que provoca o fume nos distintos órganos e tecidos do corpo humano Todo o mundo coñece estes efectos prexudiciais do tabaco sobre a saúde, pero pouca xente sabe que tamén podería afectar os pés. Con motivo do Día Mundial sen Tabaco, que se conmemora o vindeiro domingo 31 de maio, o Colexio de Podólogos de Galicia explica que o consumo frecuente e continuado de tabaco é un factor de risco para a aparición e agravamento de calosidades nos pés, unha hipótese que manexa a comunidade internacional de podoloxía,  malia que aínda non foi demostrada. Este tipo de lesións, no caso dos pacientes fumadores, teñen unhas características específicas que non aparecen en pacientes non fumadores. En concreto, o colexio explica que unha das principais complicacións que se presentan nos pés son os helomas, calosidades que se producen en zonas onde a presión ou o rozamento son maiores do que a pel pode soportar. Así, frecuentemente aparecen baixo as cabezas metatarsais por un exceso de apoio na parte anterior do pé, no dorso dos dedos polo rozamento co calzado ou entre os dedos debido ao choque entre estes, comprimidos nos zapatos. Provocan dor, que pode chegar a impedir calzarse ou camiñar con normalidade e frecuentemente poden chegar a producir úlceras e infectarse. Na etapa inicial da súa formación, nalgúns casos son indoloros, polo que os pacientes non buscan atención podolóxica ata que o problema está moi evolucionado e o seu tratamento se complica. Os helomas provocados ou agravados polo tabaquismo denomínanse helomas nicotínicos e é habitual que teñan un tamaño maior que os que sofren persoas non fumadoras, e que sexan moi dolorosos e profundos. Ademais, presentan unha coloración característica apardazada-amarelada e certo grao de maceración ou humidade. Para tratar este tipo de helomas, os podólogos galegos sinalan que o primeiro é controlar os rozamentos e a presión excesivos. Para iso, os podólogos poden prescribir soportes plantares a medida (soletas) para as sobrecargas por un mal apoio do pé, órteses de silicona (protectores a medida) para as calosidades nos dedos ou calzado específico. Ademais, o Colexio de Podólogos de Galicia destaca que é recomendable acudir periodicamente ao podólogo para a realización dunha quiropodia, que consiste no deslaminado mediante bisturí ou torno rotatorio das calosidades, polo que se obtén un alivio temporal da dor. Nos casos máis graves, para obter unha melloría satisfactoria será imprescindible realizar unha corrección cirúrxica do defecto que está a orixinar o heloma. Tras determinar a orixe do problema, o podólogo exporá a técnica cirúrxica adecuada que, dependendo do caso, pode ir desde unha intervención na pel ata a corrección dunha deformidade estrutural, como poden ser o dedo en martelo, o xoanete, metatarsianos excesivamente baixos ou longos, etcétera. En todos os casos, buscar atención podolóxica nas fases iniciais do problema e o abandono do consumo de tabaco supoñen un mellor prognóstico da evolución desta patoloxía.   Problemas na pel dos pés En canto á pel, os efectos prexudiciais do tabaco sobre ela pódense producir de dúas formas: a través do contacto co fume presente no ambiente, ou polo efecto das substancias tóxicas procedentes do fume que están diluídas no sangue. Aínda que poden existir mecanismos descoñecidos que teñan a capacidade de afectar a pel, algúns deles son ben coñecidos e están perfectamente descritos e, por suposto, tamén poden afectar a pel do pé. O consumo de tabaco produce unha diminución da osixenación dos tecidos do organismo, trastornos vasculares, problemas de cicatrización, menor elasticidade e maior secura da pel e unha resposta inflamatoria e inmunitaria inadecuadas   Tabaquismo y pies