Novas

O Colexio de Podólogos de Galicia recomenda o uso de chancas en praias e piscinas para evitar o contaxio de fungos nos pés

Etiquetas:

Desaconsella totalmente o seu uso para camiñar porque poden provocar durezas polo “chancleteo”, dor e mesmo dedos en garra ou fascite plantar Coa chegada do verán, os pés, afeitos a levar calcetíns e calzado pechado durante tantos meses, experimentan un cambio drástico. Ante esta situación, o Colexio de Podólogos de Galicia lembra que son os pés son unha das extremidades que máis sofren nos días de praia e recomenda prestar especial coidado nos meses de verán Os podólogos recomendan usar calzado con suxeición no nocello e ben ventilado e indican que o mellor para esta estación son as sandalias suxeitas ao pé. “Gran parte do calzado usado nesta época non reúne as características adecuadas para os pés: falta de suxeición ou solas demasiado finas” –sinala o presidente do Colexio de Podólogos de Galicia, Juan Dios–. Por iso, os podólogos indican que ao probar unha sandalia para camiñar é importante comprobar que non modifica a forma de camiñar e que o pé non necesita realizar ningún esforzo para fixarse á sandalia na fase de voo do paso. Mesmo existen sandalias de montaña que están indicadas para practicar deporte. Pero sen dúbida, o calzado que máis prolifera no verán son as chancletas, tamén coñecidas como Flip Flop. Os podólogos galegos explican que as chancas son un calzado deseñado para usar, a modo de prevención, en piscinas, praias, vestiarios, ximnasios e duchas públicas, xa que axudan a evitar o contaxio de papilomas e fungos nos pés, moi frecuentes en ambientes húmidos como a baldosa dunha piscina e a ducha dun vestiario, onde a auga se estanca. Para erradicar aínda máis a posibilidade de contaxio, aconséllase  non compartir o calzado nin a toalla, nin camiñar descalzo sobre moquetas de hoteis ou outros espazos públicos. Pola súa comodidade e rapidez para poñelas, en moitas ocasións as chancas acaban converténdose no calzado diario para os meses de verán. E con elas realízanse paseos ou longos percorridos sen que a persoa se dea conta do dano que lles fai aos seus pés. Aínda que en aparencia as chancas son inofensivas, poden causar diversos tipos de patoloxías nos pés: Inestabilidade: as chancas fan que a marcha sexa moito máis inestable, con moitas máis posibilidades de sufrir unha torcedura ou escordadura. Dedos en garra: o xesto de camiñar consiste en alternar un pé no chan con outro que voa en cada paso. Este tipo de calzado obriga a realizar “garra” cos dedos en cada fase de voo para non perder a chancleta. Este xesto non é fisiolóxico e xera unha maior tensión tanto en dedos como na planta do pé. Fascite plantar: a fascite plantar é a inflamación da fascia plantar, que é o tecido que vai desde a base dos dedos ata o talón na planta do pé. A dor é bastante agudo e adóitase localizar na zona do talón. O uso de chancas favorece a aparición da fascite plantar por dous motivos: o feito de ter que forzar a “garra” nos dedos aumenta a tensión que se xera na fascia plantar; e ao tratarse dun calzado moi plano favorece o aumento de tensión na fascia e nas estruturas musculares posteriores da perna como o tendón de Aquiles, xemelgos ou isquiotibiais. Modifícase o patrón da marcha: a forma de camiñar modifícase co uso das chancas ao dar pasos máis curtos. Desta forma altérase o funcionamento normal da musculatura da perna. Dores de xeonllo, costas e cadeira: utilizando chancas o apoio á ponte do pé é limitado, o que co seu uso frecuente lle pode producir a quen as utiliza molestas dores de costas, cadeira ou xeonllo. Lesións: o uso prolongado de chancas pode, ademais da fascite, producir lesións como, por exemplo, escordadura de nocello, pola nula suxeición que achegan. Rozaduras, bochas ou durezas: excederse no uso de chancas no verán pode causar abrasións nos pés e nos dedos. Estas feridas abertas fan que a persoa afectada sexa máis susceptible ás infeccións e aos xermes. Dano solar: ao utilizar chancas o pé está exposto ao sol un gran número de horas, o que fai que se poidan queimar con moita facilidade. Débeselle prestar especial atención ao dorso do pé, xa que é unha zona que adoita deixarse desprotexida e pode precisar protección mediante cremas protectoras solares. Xoanetes: cando se utilizan chancas non se pisa da maneira adecuada, polo que un distribúe o peso do pé de maneira distinta, sobrecargando zonas que poden terminar crecendo por sobrecarga de esforzo. “Hai que procurar non abusar das chancas, non utilizalas de forma continuada e durante tempos prolongados pola inestabilidade que xera ao ter o pé menor suxeición. Non é un calzado deseñado para camiñar, e moito menos para correr, e pode xerar problemas como dor e inflamación e, co paso do tempo, pódense desenvolver dedos en garra ou fascite plantar” –afirma o presidente–. Pero a lesión máis habitual son as durezas. Os podólogos consideran que o abuso das chancas provoca a aparición de durezas que se forman por un microtraumatismo continuo, o “chancleteo” que ocasiona a chanca ao chocar co talón. “Cando estamos co pé apoiado, a chanca contacta con toda a nosa planta do pé, pero ao iniciar o paso a chanca queda no chan mentres o noso pé empeza a impulsarse. Cando facemos o despegamento do pé, a chanca precipítase co noso talón, chocando na parte final do impulso. Aínda que este choque é minúsculo, se camiñamos longas distancias ou temos as chancas postas todo o día debemos sumar miles de microchoques, que son os que ocasionarán a dureza no talón” –explica Juan Dios–.