Exercerán as súas funcións en defensa da profesión até maio de 2019
A nova Xunta de Goberno do Colexio de Podólogos de Galicia tomou hoxe posesión dos seus cargos na sede da institución en Santiago de Compostela (avda. Quiroga Palacios, 65). O equipo de goberno está composto polo seu presidente, Borja Pérez, a vicepresidenta, Montserrat Martínez, a secretaria, María dos Anxos Fernández, o tesoureiro, Alfonso Alonso, e os vogais, Lucía Pazos e Juan Francisco Divos.
A Xunta de Goberno, que exercerá as súas funcións até maio de 2019, comprométese a representar e defender os intereses da profesión, loitar contra o intrusismo e achegar a figura do podólogo e as súas competencias á poboación.
Formación avanzada e administración electrónica
En xeral, o Colexio de Podólogos de Galicia ten entre as súas funcións o labor de velar pola ética profesional, impedir e perseguir os casos de intrusismo, organizar actividades e ofrecer servizos comúns de carácter profesional de interese para os colexiados, como a formación avanzada en materia cirúrxica ou a aposta pola administración electrónica, ademais de programar congresos, conferencias e xornadas para estimular o perfeccionamento técnico, científico e humanístico da profesión. Outro obxectivo da entidade céntrase en fomentar as relacións con outros profesionais do ámbito sanitario.